jueves, 17 de febrero de 2011

AS NOTICIAS GALEGAS DENDE AQUÍ

Moitos días, cando me poño a almorzar, o primeiro que fago é poñer a "tele" ("Los desayunos de La 1") e encender o ordenador para visitar de primeiras a web da "Voz de Galicia". Ás veces levo alegrías, outras sorpresa e o luns recorreume un remorso polo sangue ao ler a noticia da rapaza de "Gran Hermano" falando do galego e dos que falan en galego. Seguín os comentarios no blog da periodista que seguiu tan desafortunados comentarios da rapaza, pero tamén tratei de ser obxectivo. Que pasaría se iso o escoitamos nas nosas conversas con amigos, coñecidos, familiares, viciños do barrio, da rúa...? Porque eu iso escoiteino e MOITO na Coruña e rebéntame oir que en Lugo "es que se habla gallego muy bruto", sendo toda a familia procedente dalí.

Puiden ver todo o video da rapaza e non deixa de ser o que moitos pensan, pero que ten a súa explicación: o "auto-odio", a negación das orixes, o querer aparentar o que NUNCA seremos, ¿"oistes"?. Abúrreme opinar sobre este tema porque as cousas son claras: temos unha lingua propia pero somos moi hipócritas con ela, eu tamén. Queremos que non morra, protexela, etc., pero NEGÁMONOS a falala e a utilizala en público. Os meus avós falaban galego e xa eles falábanlle bastante castelán aos meus pais, pero polo menos ata a min chegou, coa axuda do ensino. Non se trata de obrigar a usalo na fala, porque é imposible facelo, trátase de que se poida usar alternativamente co castelán, coa mesma corrección e nos mesmos ámbitos. Porque... quen usa ben o castelán na súa vida diaria?

Eu podo utilizar ambas as dúas linguas sen ningún problema, sobre todo na escrita, aínda que seguro o meu compadre xa me estará corrixindo este texto ao mesmo tempo que o le. Cantas máis linguas se coñezan, máis riqueza, e isto nótalo máis cando estás fóra. Agora ben, por Amsterdam óese moito castelán e tamén oín catalán, en xente nova, pero aínda non oín galego...
:( , aínda que si atopo moitos. Dá que pensar

Curiosamente hoxe comentáballe ao meu director unha desas noticias da Galicia profunda que leo na prensa dixital. Conteille o caso do "Chucán", o tipo este que matou a unha prostituta e quedou absolto e logo contoullo todo a un periodista. Pois pódovos asegurar que me costaba contarllo en castelán porque non imaxino ao tal home falando na linguaxe cervantina, e escapábanseme as frases en galego. E que tampouco quero evitalo, é A MIÑA LINGUA, que neste caso non foi "materna" no senso estricto da palabra porque eu fun educado en castelan, pero o galego formaba parte da vida cotiá da miña casa sen conflitos lingüísticos nen trapalladas políticas sen sentido. E o caso é que eu adquirín as dúas linguas sen problemas e resulta que hoxe, coa presenza nas escolas, con medios como a TVG e a Radio Galega, carteis, publicidade, libros... isto non é posible. Aínda recordo cando o día do meu santo, o 1 de agosto, chegara meu pai cun conto de Asterix en GALEGO recén editado, aqueles primeiros que traducira Blanco Amor e que levaba por título "A loita dos xefes" e que relín centos de veces sen causarme traumas nen chorradas. Ao contrario, adquirindo CULTURA e indirectamente, amor por Galicia.

Dende logo cando me preguntan se me sinto español ou galego digo o segundo, pero non desprezo a España e asegúrovos que despois de estar aquí en periodos de sete semanas aterrar en Baraxas é "estar na casa" e alédaste por poder oir español ao mercar un simple café. Polo tanto, eu volvería a aquela campaña que se fixo en Galicia que decía algo así como "As linguas suman". Con isto témonos que quedar. Aquí hai xente que leva moitos anos e non aprendeu neerlandés. Pareceríame unha tontería estar aquí e non aproveitar a posibildiade de coñecer outra lingua e ser capaz de comunicarme medianamente nela, igual que se estivera en Uganda ou Vietnam, pero pódovos asegurar que aquí escoito a pais dicir, "total, para lo que les va a servir el holandés..." ¡¡Pero é que a lingua dos teus fillos!!

Eu nunca me sentín discriminado por facer un escrito en galego en Galicia ou por dirixirme nun organismo público na nosa lingua. É verdade que a usamos pouco en determinados contextos, pero isto foi o que dixo a rapaza de "Gran Hermano" e todos se lle botaron enriba. En fin, que cada un saque as súas conclusións, pero unha cousa está clara: o futuro do galego depende do orgullo con que nós defendamos o noso, pero isto non só coa lingua, tamén coa cultura, coa paisaxe, co patrimonio. Só así poderemos facer que Galicia mire para adiante e fagamos da nosa esquina do mundo unha terra avanzada, moderna e sobre todo CULTA.

http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2011/02/16/0003_201102H16P64991.htm

¡Ala! Xa tedes para comentar. Vémonos pronto




2 comentarios:

  1. Chapeau!
    Bicos
    Mercedes

    ResponderEliminar
  2. Bueno eu non debería facer comentarios neste post primeiro porque como verás sempre contesto en galego aínda que sei que te len xentes doutros lugares do estado pero como son parece ser que unha nacionalista exaltada, por riba falo un galego "bruto" e para máis resido nunha zona de ignorantes con seseo e gheada, pois en fin vou dicir de todo isto que o máis triste é que ten razón a "desafortunada rapaza" nos seus comentarios hai moita xente que pensa coma ela. É, sen dúbida, o noso labor facer que isto cambie darlle prestixio ao noso, e non digo que iso desmereza o dos outros, pero eu estou orgullosa de ser galega sen que isto leve a ser prepotente nin soberbia co resto, o respecto cara os demais comeza por respectarnos a nós mesmos e só podemos facer isto se nos sentimos ben coa nosa lingua, cos nosos costumes e as nosas tradicións.Non quero impoñer pero, por suposto, tampouco que me impoñan, eu que si son de lingua materna, paterna e filial galega sinto orgullo de ser e ter unha fala e o que non o sinta que mire os seus propios prexuizos e as súas propias limitacións.
    E agora vou ser moi galega: CARALLO PARA NON QUERER COMENTAR VAIA LARGHADA QUE ACABO DE DAR E TODO ISTO EN MENOS DE SINCO MINUTOS.
    Bicos jrades e vémonos nun vira vira rapas.

    ResponderEliminar