miércoles, 3 de agosto de 2011

O NOSO FARO

Din que en Holanda está o faro máis fotografado de Europa Occidental, na famosa e turística illa de Marken da que xa vos falei aquí. Teño as miñas dúbidas. Nestes días de verán gústame poñerme na fiestra da miña cociña e ver de noite o noso faro alumeando. Si, a nosa Torre de Hércules que acompaña a todos os coruñeses alá onde estean. Polo menos, farálle competencia ao faro de Marken

Tamén din que en cada casa dun coruñés hai unha "torre". Eu tamén a teño en Holanda, sempre á vista, para non esquecer que ese é o faro que me alumea cando hai morriña. Hoxe volvín ver o faro mentre soaban de fondo unhas pandereteiras que estaban tocando na praza xa que estamos de festas no barrio. É unha emoción sosegante que non me fai esquecer que son coruñés e galego, que é a cultura que levo dentro e que me acompañará sempre.

Cando aterras de noite en Alvedro e ves a Torre que semella orientar aos avións máis que o ILS xa te aledas, estás na casa. E eu non podo evitalo, emociónome. Mentres siga sentindo esa emoción, saberei que sigo vivo e desfrutando da vida. Só agardo que o faro nunca se apague, que me siga orientando e que me faga sentir ben nos momentos malos, que os hai.

Eu, dende logo, teño máis fotos da Torre de Hércules que do faro de Marken e seguirá sendo así, pase o que pase. Aínda recordo o día que se conseguiu o nomeamento de Patrimonio da Humanidade, alí estaba eu coa miña familia e con moitos coruñeses desfrutando do momento, único para a cidade, un deses episodios nos que A Coruña estivo unida por unha mesma causa. Inesquecible. Seguro que viviremos máis momentos así, e que eu os vexa!! Máis de 2000 anos de historia viviu o faro, con traxedias incluidas (¿quen non chorou co "Mar Exeo"?) e aí seguirá, como referente para todos os que levamos á Coruña moi dentro, por moi lonxe que esteamos da casa.

1 comentario:

  1. NEREA
    OLA PROFE!!!Facía moito ke non te escribia máis non hai moito ke kontarche.
    No instituto todo ven materias máis fáciles ca outras
    O EXEMPLO:FRANCÉS:) MATEMÁTICAS:(
    E plástica...UUUUUUHHHHHHHHHH!!!!
    Debuxar e bonito pero a profesora todo o contrario.
    ESPERO KE TE CUIDES E KE NOS VEXAMOS PRONTO!
    CHAO

    ResponderEliminar