sábado, 13 de agosto de 2011

E PARA COMER... GALICIA

É inevitable. Este días de festas por toda a xeografía galega non paras de ver carteis con todo tipo de festas gastronómicas: "Festa do Berberecho de Baldaio", "Festa do Mel de Pontevedra", "Festa do Pulpo (sic) do Carballiño"... Coido que non hai producto que se coma que non teña a súa festa. Pero claro, a maioría teñen que ser inventadas porque é imposible que, salvo produtos moi localizados como os Pementos de Herbón, o Pan de Cea, o Queixo de San Simón ou as Ostras de Arcade, sexan típicos da vila que os anuncia. Non deixan de ser un reclamo turístico.

Pensándoo ben, sería boa idea para exportar. De Holanda coñecemos os seus queixos que podemos mercar en todos os supermercados (Gouda, Edam...) ¿Algo máis? Estando alí hai que probar "bitterballen", "oliebollen", "stampot", "haring" (escusas por se están mál escritos), pero non podemos dicir que as viandas holandesas sexan exquisiteces. Teño probado xa algunhas e dende logo, nada que ver coa nosa gastronomía. Pero arréglanche un xantar ou unha cea. O pan, por exemplo, é moi variado, aínda que practicamente industrial. Logo hai produtos que teñen a súa época, o que aquí dicimos "estar en comida". É o caso dos espárragos que alá por abril e maio invaden os supermercados. E outros que se toman en determinadas épocas do ano ou celebracións, como as galletiñas de Sinter Klas ou os "oliebollen".

O que está claro é que, alí onde haxa comida gratis, a xente é capaz de agardar horas por un anaco de pan, raxo, sardiñas ou pementos. Hai poucos días celebrouse aquí no barrio o xa tradicional "concurso de tortillas". A expectación era enorme pero máis por degustar un trociño das máis de 30 que se presentaron ao concurso que polo premio en si. A min persoalmente dáme vergoña oir ás 7 da tarde xente dicir que "mujer, así ya vamos cenados" por un taquiño do prato estrela español. Pódovos dicir que había máis xente esperando por comer que en calquera outra actividade das festas. Non temos remedio!

Conclusión: se algunha vez se me ocorre inventar unha festa deste tipo, nunca utilizarei a palabra GRATIS na promoción, evitarei barullos, malas palabras e xente disposta a todo por un anaco de fartura. Mirade este enlace e xulgade vós mesmos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario