miércoles, 24 de febrero de 2016

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Dende hai uns anos o día de hoxe recordamos á nosa poeta con máis sona fóra da nosa terra, Rosalía de Castro. Nas escolas se propón unha actividade concreta e moitas delas sempre fan algún acto ou actividade en clase en recordo dela. Rosalía sempre estivo presente na miña vida, non só a nivel de estudos, senón tamén ao ter Padrón como unha das vilas onde viviu e onde se recorda de xeito cotiá. Cando vivimos alí, a imaxe e a obra rosaliana estaban presentes ata no máis pequeno detalle, tendo en conta que ademais alí está a súa casa-museo, xusto enfronte da estación do tren.

Para aqueles visitantes que non sodes galegos contareivos que para entender un pouquiño máis Galicia e aos galegos hai que ler algo de Rosalía de Castro e analisar un pouco a súa obra, preferentemente a poesía, escrita sobre todo en galego e recollida en dous poemarios chamados "Cantares Gallegos", de carácter máis tradicional e folclórico, recollendo nel moitos costumes e maneiras de vivir da xente galega; e "Follas Novas", un poemario máis intimista, máis centrado no seu sentir e na reivindicación social, por exemplo, da igualdade da muller, da emigración ou do asoballamento dos galegos. Non tivo unha vida fácil e, por riba, una enfermidade levouna moi pronto, aos 48 anos, sendo soterrada primeiro no cemiterio de Adina, en Iria Flavia, e posteriormente os seus restos foron trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, en Compostela, onde é recordada continuamente por xente anónima que deposita unha flor na súa tumba. Rosalía é Galicia e Galicia non se pode entender sen Rosalía.

De feito, cando aínda na ditadura os intelectuais galegos mantiñan a nosa lingua viva a pesares das prohibicións, a creación do Día das Letras Galegas comezou para conmemorar o centenario da publicación de "Cantares Gallegos", o 17 de maio de 1963. Dende esa data ininterrumpidamente, celebramos nese día a nosa Festa da Lingua, sendo día festivo dende hai xa uns anos e recordando cada ano a un escritor ou escritora ilustre no noso idioma. En 2016 o homenaxado é o poeta da Terra Chá, Manuel María.

Pois ben, a nosa escola non podería ser menos e grazas aos compañeiros do Departamento de Orientación, compartimos un deses poemas de Rosalía musicado por Amancio Prada (ben saben moitos que aquel disco do cantautor berciano é mítico na nosa cultura) e interpretado pola Real Filharmonía de Galicia, o famoso "Adiós ríos, adiós fontes", pero adaptado a persoas con disfuncionalidade, xa que está elaborado con pictogramas. Déixovos aquí o vídeo para que disfrutedes del e para que moitos lectores non galegos teñades a curiosidade de coñecernos un pouco máis. Tamén sei que a algúns que están fóra lles gustará, porque entenden do que fala e porque emociona oilo cando estás lonxe. A saudade que tanto cantou Rosalía sentímola todos os galegos e todas as galegas cando lemos ou oimos este poema ou outros da nosa poeta. Velaí vai.




E por suposto, agradecer o traballo dos meus compañeiros, estamos metidos todos en tantas actividades que uns fan unhas cousas, outros facemos outras e eu non tiven participación neste vídeo, pero compartilo aquí é unha mostra de felicitación ante o traballo ben feito. ¡¡Só tedes que dicirnos se vos gusta!!

1 comentario:

  1. No sabes la envidia que me da la gente que, como tú, sois bilingües :)

    En serio: envidia de la mala, de esa que te calienta las vísceras... ¡Qué envidia! ¡Lo que yo habría pagado! :))

    Defiende tu lengua, como riqueza y símbolo de una cultura de un pueblo :)

    Saludos.

    Paquito.

    ResponderEliminar