miércoles, 23 de enero de 2013

NOIS

Xa tocaba. Din que a personalidade dun individuo establécese , na súa maior parte, polas vivencias que tivo na súa infancia. A palabra que dá nome a esta entrada no blog marca a miña personalidade. Nois é unha pequena parroquia do concello de Foz, na Mariña luguesa, lugar de onde procede unha parte da miña familia. A miña avoa materna naceu alí. E tamén alí pasei moi bós momentos na infancia, na xuventude e incluso xa traballando. Moita familia ainda queda por aquelas terras, e hai pucos días retomei o contacto con aqueles cos que pasei os mellores momentos. Eles ben saben quen son e non os vou citar, por aquilo do anonimato, pero a sensación de que, a pesares dos moitos anos que pasaron sen un contacto máis frecuente, falabamos polo Skype coma se nos viramos onte. E as ganas de volver a encontrarnos en Nois aumentaron considerablemente en poucos minutos. Coido que nunca Amsterdam e Nois estiveron tan cerca.

Mais en Nois sempre houbo xente con moita gana de facer cousas. Xente traballadora no mar e tamén xente con iniciativas culturais. Alguén creou un perfil no facebook co nome da parroquia e empezaron a subir fotos antigas da xente de Nois. Alí me atopei con moitas sorpresas. Eu aparecía nalgunhas desas fotos. Pero tamén aparecían familiares moi lonxanos, como por exemplo dous dos meus tatarabuelos, Genoveva Eijo e Antonio Pardo, dos que descendemos unha boa cantidade de familiares espallados por moitas vilas, cidades e países. Demóstrase que Internet ten cousas moi boas.

Nois é un pequeno paraíso dentro do gran paraíso que é Galicia. Cando chegabamos naqueles día de verán dos últimos anos 70 era chegar a outra realidade: praia, xogos, animais, apañar as moras na vía do tren, chamar por teléfono dende o único teléfono que había na parroquia na "Casa do Maestro", coñecer á xente polos seus alcumes ou polo nome do clan familiar, ir coller as patacas (a única vez na miña vida que apañei patacas unha tarde de xullo ou agosto e o recordo como un dos mellores momentos da miña infancia), sentarse ao quentiño da lareira, durmir 5 nunha habitación... pasalo ben, en definitiva con toda unha grande familia nunha casa na que conviviamos durante 15 días 9-10-11 persoas a diario. E os días de festa chegabamos a 40, 50... ata 80 persoas!!! Inesquecible e irrepetible.

Cando estudiei cheguei a facer un traballo sobre a historia desa parroquia. Sempre estarei moi vencellado a ela. Historias que me contaron persoas que xa non están, lendas, anécdotas, chistes e "chismes". Alí vivimos celebracións familiares, tamén momentos de tristura por algún pasamento, en definitiva, a vida. Hoxe, aínda que está mellor comunicada que daquela e tamén se renovaron moitas casas, Nois conserva o engado da vida rural das parroquias costeiras de Galicia, a pesares da globalización. Recordo incluso olores peculiares que non hai na Coruña ou noutros lugares. Para min forma parte da miña historia e do meu ser e seguro que moitos aspectos de cómo son eu débense a Nois.

Prometo volver, agardo que pronto. Encantaríame que os meus fillos poidesen vivir experiencias como as que vivín eu alí. Aprenderían moito e sobre todo, disfrutarían. Esas vivencias nos nenos hai que potencialas e dárllelas. Xa que logo, procuraremos aparecer por Nois no próximo verán porque merecerá a pena volver vivir experiencias como aquelas e que as vivan os máis novos. Sei que algúns de Nois lerán isto; outros saberán por primeira vez da súa existencia. Animo a todos a pasarse por alí e disfrutar da súa natureza, da súa cultura, do bó comer e sobre todo, das súas xentes... moitos son da familia, así que seredes tratados ben!! 

A foto que ilustra é unha panorámica de Nois nos anos 50. Había moi poucas casas, nin existía o colexio, vese o mar, a chaira e o monte, a estrada pola que hoxe pasan moitos coches cara a Foz ou Burela, as vilas grandes das que depende e nas que traballan moitos dos seus viciños. Pois xa sabedes, non pasedes só pola estrada, parade e disfrutade deste marabilloso recuncho de Galicia.



1 comentario:

  1. Grazas Primo non se podía definir millor o noso pobo Nois, xa sabes que tí aquí sempre tes e terás as portas abertas, e tamén toda a vosa-nosa familia, e esperamos con delicia poder disfrutar moitos anos contigo destes fermosos paraísos que temos en Galicia, xa sabes que contamos convosco para candò poidades pasar pola "aldea" jejeje, unha gran aperta de todos os da "casa de Nois".

    ResponderEliminar