miércoles, 11 de abril de 2012

¿CARAS OU CRUCES?

A verdade é que oindo aos políticos do PP danche ganas de emigrar a unha illa deserta e vivir dunha economía de subsistencia. Agora sae a nosa querida Esperancita dicindo que en Sanidade, Educación e Xustiza hai que devolver as competencias ao goberno central. É algo incrible que unha das persoas que máis se beneficiou do sistema das autonomías reclame agora que remate toda esta descentralización. A muller que chegou a presidenta da Comunidade de Madrid dun xeito anómalo por aquela espantada de dous deputados do PSOE di que agora se poidan producir cousas como que un mestre canario chegue a unha aldeíña galega a dar clase sen saber nin gota do idioma e cultura locais e viceversa. De verdade que con isto da crise desvariamos.

Na miña última viaxe, que xa relatarei, atopeime cun matrimonio e os seus fillos de Zaragoza que me deron unha media hora de charla. O home comentaba, despois de viaxar por medio mundo, que chegara á conclusión que en Europa nos teñen envexa: o clima, a gastronomía, o noso estilo de vida, a luz... e non soportan que nos vaia ben. Curiosamente eu vexo xente pedindo polas rúas aquí, holandeses pedindo nos trens, tamén hai crise nos Países Baixos, diñeiro negro, miseria... ¿Por qué ese empeño dos "Merkozy" en que España ten que facer reformas, eles non? Xa comentei varias veces no blog que nunca me sentín menos europeo que aquí, que hai leis que non se cumpren neste país e nós temos que cumprir. Non quero ser Mourinho pero... ¿POR QUÉ?

E resulta que logo aparece no telexornal a antítese española do que deberíamos facer. Con isto da Semana Santa e das súas celebracións, entre tantas procesións aparece unha tradición pagana en Calzada de Calatrava, que ten que ver co feito do sorteo que realizaron os soldados romanos da túnica de Xesucristo. Resulta que no Casino Agrícola desa localidade celebran o xogo das "caras" con dúas moedas de cobre de Alfonso XII e con apostas de miles de euros. E nesta España en crise algún xubilado non ten pudor de dicir ante a cámara que perdeu 3000 euros apostando nesa mañá, pero que o ano pasado gañou 12000, como se nada. A comentarista di que "este ano se viron menos billetes de 500 euros no cadrado de apostas". ¿Pero onde saca esta xente eses cartos? ¿Isto é a crise? ¿Decláranse logo esas gañancias á Facenda?

E mentras, as bolsas europeas tremendo, a "prima de risco" dando sustos, a xente remexendo nos contedores de lixo buscando algún polo caducado que se poida cociñar... en Calzada de Calatrava déixanse nunha mañá miles de euros nun xogo que ninguén sanciona. Así non convencemos a Europa, dámoslles envexa pero ao mesmo tempo razóns para esixirnos. Agora agardamos os cambios en Educación e Sanidade e quedamos tan tranquilos, de nada serviu unha folga xeral que en Europa só mostraron cando se queimaron os contedores en Barcelona, coma se España fose Grecia. Téñennos ganas e nós deberíamos crernos con máis capacidade porque sabemos resolver os problemas. O malo é que os políticos que nos dirixen tampouco teñen nin idea. Mentras, en "Merkelandia" os enxeñeiros españois son os máis demandados por estar infinitamente mellor preparados que os deles, polo tanto a nosa educación non debe ser tan mala, e os xubilados holandeses, xermanos, ingleses, etc, veñen operarse aos nosos hospitais, mentras que en Holanda primeiro pagas e logo te atenden. ¡Que parvos somos ás veces... ou se cadra máis solidarios e moito máis europeos que todos eles xuntos!






1 comentario:

  1. Para que luego digan (obviamente, lo del jueguecito es una forma fantástica de "blanquear dinero": si te preguntan, pues ya sabes :-)).

    Un abrazote,

    Paquito.

    ResponderEliminar