Hai 20 anos, tal día como hoxe, festividade da Virxe do Carme, un calor abafante caía sobre Valladolid ás tres da tarde. Alí estaba eu, co meu exame de oposicións por diante, pero a pesares do sopor e da desidia da presidenta do tribunal de Ed. Musical de Castela e León, superei o proceso e conseguín a miña praza de mestre. 1991 tivo un verán moi xeneroso, cousa que non podemos dicir en Galicia no 2011.
Semella outubro e aquí non se ve o sol por ningures. Xa levamos un cuarto das vacacións e nin pisei a praia. Ao final haberá que facer como os holandeses que, en canto sae unha raiola, aí se poñen a tostarse, xa sexa xaneiro, abril ou xuño. E mira que en Galicia temos lugares dos que disfrutar no verán, pero aínda parece ser que non toca.
A nosa semana de vacacións cos nenos comezará o vindeiro sábado e iremos na procura do sol, polo menos para recargar as pilas, coma se fosemos "coelliños de Duracell" que necesitan recarga. Agardo que no sur non nos defraude o tempo, só nos falla que haxa inundacións.
Así que estes días na casiña, por Coruña pasando o tempo e disfrutando dos pequechos, comidiñas ricas de mamá, algún análise médico por aquilo de volver preparados a Holanda e orientando ás visitas que irán ao reino das bicicletas. Agardo que agosto sexa máis activo porque o que é xullo... Parece que canto máis parado se atopa un máis necesidade de actividade necesita, temos o "virus" do traballo metido no corpo e ese andazo non se cura, así é cada un. Como vedes, pouco hai que contar, a vida ociosa na Coruña non deixa de ser rutinaria, pero isto sempre é bó. Apertas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario