domingo, 11 de febrero de 2018

TEMPO DE ENTROIDO

Se hai en España tres lugares míticos de celebración do Entroido eses son as Illas Canarias, Cádiz e, sen dúbida, Galicia. E dentro da nosa terra destaca por riba de todas as vilas e cidades o chamado "triángulo máxico" na provincia de Ourense, formado polas vilas de Xinzo de Limia, Verín e Laza. Estamos en pleno calendario de Entroido e hai que dar a coñecer un pouco esta celebración galega polo carácter tan ancestral que ten e de seguro que a algún lector ou lectora lle sorprenderá.

O primeiro que hai que destacar destas celebracións é a propia palabra na nosa lingua: ENTROIDO, en referencia clara á entrada no período relixioso da Cuaresma. Mais en Galicia a ese carácter relixioso hai que engadirlle un grande valor antropolóxico e gastronómico. Identificamos o Entroido co cambio de personalidade, de fachenda, coa vestimenta dun disfrace. E precisamente eses traxes que podemos ver no triángulo máxico son algo excepcional: os peliqueiros, as pantallas e os cigarróns son estudados por persoas que chegan de moi lonxe a ver e comprender esta celebración. Nos enlaces tedes toda a información necesaria para entender estes traxes e máscaras e hai moitas teorías da súa orixe. O que si está claro é que son únicos no mundo e que só velos en acción xustifica unha viaxe nestas datas pola provincia de Ourense.

En Galicia, o Entroido non son só os 6 días tradicionais, de venres a mércores de Cinza, senón que as celebracións en moitos casos comezan xa en xaneiro, como dúas semanas antes dos días grandes. Os "Xoves de Comadres e de Compadres" son outras datas destacadas e despois do mércores de Cinza chegamos ao sábado de Piñata onde se rematan prácticamente as celebracións.

Aparte destes lugares detacan tamén outros moi diseminados por Galicia: Cobres (Vilaboa - Pontevedra), os Xenerais da comarca do Ulla, o oso de Salcedo na Pobra de Brollón (Lugo) e o Entroido urbano nas cidades principalmente de Ourense, Pontevedra e A Coruña. Evidentemente, os centros educativos celebran en moitos casos o venres no que se inician as festas grandes un pequeno festival no que os nenos e as nenas van disfrazados dos personaxes máis sorprendentes, no que supón en moitos casos unha desvirtuación do verdadeiro significado do Entroido galego. Na Coruña, a figura do "choqueiro" é fundamental para entender o carácter popular desta festa, na que a sátira social e política é un sinal de identidade. Hai unha rúa no barrio de Monte Alto na que todos os anos se rotula o seu nome cunha placa similar á oficial co nome da rúa na que aparece o nome do ou da "choqueiro ou choqueira do ano", deixando a parede dun edificio marcado por todas esas placas.




Evidentemente eu disfrutei do Entroido na Coruña. Partindo do feito que é unha festa coa que non me sinto moi identificado, ao final por unhas cousas ou outras acabas participando. O Entroido desfrútalo se vas na compaña dun grupo no que te sintas a gusto. Recordo un ano disfrazado de viúva, completamente de negro o día do Enterro da Sardiña, facendo que choraba desconsoladamente ao longo da rúa Real atestada de xente e abríndonos paso. Nos colexios disfraceime de esquimó, de trobador, de langosta, de romano, de bruxa cadavérica... E teño que dicir que aínda de levar a Galicia moi dentro do meu ser, aínda nunca asistín ás celebracións nas vilas do triángulo máxico. Estando en Holanda recordo poñerlles aos alumnos unha reportaxe sobre o Entroido en diferentes lugares de España e no que saían Laza, Verín e Xinzo. Os rapaces alucinaban sobre todo pola gastronomía vinculada á carne de porco, sendo o animal fetiche da nosa cultura e particularmente destas festas: cachucha, lacón, chourizos, fuciño... que nestes días xunto coas sobremesas de rigor (filloas e orellas principalmente) fan que os quilos de máis volvan asentarse nos corpos de canda un de nós. E si, cando lles contaba que as filloas facíanse de sangue algún incluso poñía cara de noxo e de cómo se podía tomar un postre así. Eran os ciclos naturais do rural galego os que impoñían tanto as celebracións como as comidas e por toda esa bagaxe cultural e antropolóxica penso que esta festa en Galicia debería planearse a súa cualificación como Patrimonio Inmaterial da Humanidade ou algo similar.

Este vídeo recolle un resumo das celebracións por toda Galicia. É un documental interesante onde os curiosos podedes ter máis explicacións das que eu poida dar nesta bitácora.





E por último dicir que a pesares de que este ano coincidíu cunha vaga de frío que nos ten a todos metidos na casa, quero chegar a ver as celebracións no triángulo máxico. Teño programada unha viaxe o martes, festivo en grande parte de Galicia, cun amigo a Xinzo de Limia, a ver se o catarro me deixa viaxar e disfrutalo por primeira vez. Para rematar, déixovos unha lámina fabulosa que circulou este ano polas redes sociais cos debuxos das principais máscaras do Entroido galego, que invito a todos os que o descoñecedes a desfrutalo nas rúas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario