martes, 27 de septiembre de 2016

NO PAÍS DOS PITUFOS

Non é un día de celebracións, aínda que para algúns si. É difícil explicar o que realmente sucedeu onte en Galicia tras a xornada electoral. Aínda que todos sabiamos que o PP ía gañar as eleccións, sempre quedaba a esperanza de que non chegase á maioría abosluta. Pero chegou. E non por primeira vez e seguramente non pola última. A pesares de todos os mítines e de utilizar as redes sociais para denunciar a política continua de recortes nos servizos públicos, o candidato á Xunta de Galicia do Partido Popular acadou a maioría absoluta dun xeito rotundo. E a representación gráfica dese trunfo é un mapa da nosa terra que podería acompañar un avance da próxima aventura dos Pitufos:




Moita xente doutras comunidades autónomas ou doutros países do mundo preguntaránse cómo é posible. Eu tamén. Só 10 concellos dun total de 314 votaron maioritariamente a outros dous partidos, 9 ao PSdG-PSOE e 1 á Marea Atlántica. A poboación destes concellos é unha procentaxe baixísima no total galego, así que non hai análise en contra que valga.

O terrible disto é que preguntas e non coñeces a ninguén que diga "eu votei ao PP". Coñezo xente que si o fixo, pero xente convencida do seu voto e das súas crenzas que están orgullosos de pertencer ou votar ao PP. Son admirables porque ten que ser moi difícil aguantar todo o que se lles di da corrupción, dos recortes, da soberbia, do caciquismo... pero non desisten. 

Xa nos tempos que gañaba Fraga en Galicia preguntábame por qué. Daquela aínda estaba moi recente a morte de Franco e a democracia ía paseniño, así que as redes caciquís no rural funcionaban sen descanso. O discurso do medo imperaba e as urnas enchíanse de votos a Alianza Popular e posteriormente ao Partido Popular. ¿Cómo se podía combater iso? Coa educación da xente, pouco a pouco e co paso dos anos as cousas irían cambiando.

Tivemos unha luz cando o PSdG-PSOE e o BNG puideron gobernar durante 4 anos, no chamado bipartito, entre 2005 e 2009, pero a ilusión morreu cando a continuación o actual candidato Alberto Núñez Feijóo, conseguía de novo o trunfo para o Partido Popular e dende aquela revalidou dúas maiorías absolutas máis, a última onte. Despois de cavilar moitos anos, teño feita a miña análise, que pode ser certa ou non, pero é o que penso do que vivín e do que vexo no día a día nas rúas da miña cidade e nas vilas ás que adoito ir.

En Galicia hai un terzo da poboación que non vota. É moi raro chegar ao 70%, a participación quédase sempre en torno a un 60 / 65 % ou incluso menos. Moita poboación é rural e espallada, e aínda que parece que o seu control é máis difícil, pois a realidade é que non é así. A xente do rural galego ten un xeito de pensar baseado nunhas crenzas e estruturas bastante ancoradas por determinadas circunstancias históricas e sociais que Galicia viviu dende sempre, hai que darse de conta que somos o extremo occidental de Europa e fin da terra coñecida ata moi entrada a Idade Moderna. O que si acontece é que tiveron pouco acceso a estudos e cultura, moita xente emigrou durante os séculos XIX e XX e a súa economía baseábase na subsistencia, con todo o que iso implica. Tratábase de manter á familia e ás veces aos achegados e para iso había que conseguir un traballo que dese cartos, aínda que fose lonxe do país, de aí a emigración. Arxentina, Cuba, Venezuela, Uruguai e posteriormente Alemaña, Bélxica, Francia e sobre todo Suíza, foron os países con maior presenza de galegos. En moitos casos, sobre todo os americanos, quedaron alá, pero no resto a maioría voltaron cando fixeron o seu particular "peto" para ser ben vistos nas súas vilas e aldeas e ter unha posición económica por riba dos seus conveciños. Iso si, un gran coche, unha gran casa e, se cadra, un pequeno negocio (xeralmente unha cafetería) para seguir facendo cartos unha vez voltasen. Isto, en certo xeito, acercábaos ás estruturas de poder, pero non accedían a el, só acababan converténdose en novos "pións" das estruturas establecidas, que servían tamén para resolver aqueles asuntos para os que estas persoas non se sentían seguras, especialmente os relacionados coa burocracia, á que consideraban para xente "estudada". 

Continuouse así cunha estrutura de redes clientelares que chegan aos tempos das prácticas caciquís dos ss. XIX e XX. No rural isto segue a ser moi frecuente porque ademáis o Estado dispón dos organismos administrativos perfectos para iso: as deputacións provinciais, imprescindibles nun territorio de pequenos concellos aos que hai que dar unha serie de servizos básicos. Diredes vós, "a que vén todo este rollo?" Pois vén a que outro 33 % dos votos en Galicia débense a este sistema clientelar, similar ao que pode haber noutras rexións de España ou de Europa. 

Cando empecei a saber que isto era así, alá polos tempos do instituto, a min fervíame o sangue, incluso nas clases de Ética plantexábannos o dilema moral desta práctica. Tamén os partidos de esquerda daqueles primeiros anos denunciaban en todas as eleccións o "carrexo" de votantes por parte do partido que ten instaurado este sistema en Galicia, o PP. Co paso do tempo e con estudos posteriores xa con 30 anos, aprendín que isto forma parte de moitas culturas polo que expliquei antes. En España non é sempre o mesmo partido o que leva a cabo esta práctica que é difícilmente combatible. En Euskadi, o PNV; en Cataluña, a antiga CiU; en Andalucía, o PSOE... Polo tanto, a existencia de voto "cautivo" e non reflexivo axuda a conseguir estes resultados. Por iso non é difícil ver durante a xornada electoral como as monxas dos asilos de anciáns levan a todos os seus usuarios a votar sen saber estes a quen votan; igualmente en moitos concellos rurais e mesmo na cidade (eu véxoo no meu colexio electoral) o encargado disposto polo partido é o que controla durante todo o tempo de votación quen vai votar e quen non, incluso axuda a aqueles que non teñen medios para acercarse ao colexio electoral. Asegúrovos que onte vin entrar no mesmo como nunca vira moita máis xente impedida, en cadeira de rodas ou con muletas que noutras convocatorias anteriores, incluso un votante chegou a caer e foi enseguida axudado polos interventores do partido para que se levantase e votase.

Ademáis este "voto cautivo" convértese na peaxe que moitas persoas acaban pagando porque o político de turno lles arranxou un favor a cambio do voto. Parece algo incrible no século XXI, pero é así. Persoas que despois de 40 anos de democracia avalan unhas prácticas clientelares sen cuestionarse se están ben ou mal, simplemente conseguiron para os seus o que buscaban, que pode ser un posto de traballo nunha empresa dun amigo do político, arranxar o papeleo dunha pensión vitalicia, colocar a un fillo ou filla nun posto importante na Deputación despois de ter estudado unha carreira, conseguir a licencia para a construcción dunha casa ou chamizo anexo e que non contribúa no IBI. Cando vivín en Padrón coñecín xente que mo contaba sen rubor e o admitían e eu non podía nin comprendelo nin aceptalo, pero cheguei a buscarlle un sentido. Cal é? Pois simplemente a inseguridade e a incultura da xente, pero sobre todo o primeiro. Ante un asunto vital que require un longo camiño burocrático, as persoas buscan a maneira de "atallar" ese camiño por medio deste intermediario a cambio do seu voto nalgúns casos de por vida e incluíndo a fillos, noras, pais, netos... O trasfondo disto é que para min non é aceptable, pero para moita xente si, tanto o político como a persoa axudada, porque os dous obteñen beneficios. O político cre firmemente que está a facer unha boa acción e o cidadán considera que o seu voto é o xeito de pagarlle. Para min é, simplemente, corrupción, pero que é a nivel legal difícilmente demostrable.

E nos queda o outro 33 % dos votos, o que eu chamo voto libre, o voto da xente que non ten presións para escoller por calquera opción política segundo as súas crenzas. Lóxicamente, aquí tamén van votos para o Partido Popular, que representa á dereita española, de forte sentido católico, conservadora, clasista, defensora da iniciativa privada frente á pública e moi pragmática. A nivel de comunicación hai que recoñecer que son de 10, a súa campaña a nivel de slogan e grafismo foi sen dúbida a mellor e a nivel de partido tamén sen dúbida foi o máis unido en torno ao líder. Os medios de comunicación maioritarios tamén están controlados por eles, así que só podería producirse un miragre onte. E non, para un non crente, é difícil que pase. A división da esquerda, o descoñecemento dos e das candidatas e candidatos, intereses máis a nivel de partido que a nivel de comunidade autónoma fixeron o resto. Se houbo un partido que se pode dicir trunfador despois do PP, ese foi o BNG, que acadou 6 escanos de 75 cunha candidata fiable, un proxecto veraz e unha consistencia, tendo un rival novo moi forte como é En Marea, a confluencia galega de Podemos que conseguiu pasar en votos ao PSdG-PSOE e empatar en escanos, como calificaron algúns periodistas na radio, "sorpasiño".

En definitiva, 4 anos máis de goberno de dereitas en Galicia, recortando en servizos esenciais como sanidade e educación, cunha poboación envellecida (a taxa máis alta de Europa) porque os xoves emigran, salarios moi baixos con respecto á media nacional e non digamos á europea, traballos precarios e sen oportunidades de promoción para recén licenciados, mulleres e parados de longa duración; falta de emprendemento en sectores básicos da nosa economía como o gandeiro, pesqueiro ou lácteo; unha promoción do turismo mellorable, listas de espera, incendios, aulas pechadas, colexios nos que chove dentro das aulas, falta de mestres... O panorama é desolador, pero un 47,5% dos votos quixeron isto, a pesares de que un terzo deles é cautivo. Existirá momento en que se acabe con esta democracia clientelar da que disfrutamos en España? A min entristéceme moito que sexamos así, que a xente non se pare a pensar por uns minutos a forza que ten un voto. Somos para analisar antropolóxicamente, seguro que algún estudante de calquera recuncho de Europa desfrutaría facendo aquí a súa tese porque abofé que somos peculiares.

Pero, como me dixo hoxe un bó amigo, maior, votante socialista dende sempre e por dentro todo un filósofo galego... "Alfonso, el sol sale todos los días". Aí queda iso, déanlle voltas, saquen as súas conclusións e escriban. Se cadra é mellor así (eu estou convencido que non), pero seguro que moitos deses votantes do rural hoxe son exactamente igual de felices que foron onte, sen saber sequera a que partido votaron aínda que teñan que agardar por unha consulta dun especialista 7, 8, 9 meses ou pagar 8 euros por cada sesión de quimioterapia na sanidade pública, sachando na súa hortiña e recollendo aos netos que saen dunha escola xélida e con falta de mestres, construida ao lado dun monte incendiado no pasado verán. Isto é Galicia, disfrútena se nos visitan, serán sempre benvidos.



1 comentario:

  1. Creo que el hecho de que el partido azul no quiera quitar las diputaciones puede explicar en parte el hecho que describes :-)

    ResponderEliminar