viernes, 20 de junio de 2014

OUTRO FIN DE CURSO CON MOITAS EMOCIÓNS

É o que ten esta profesión que tanta envidia dá ao resto de cidadáns, non só polas vacacións senón tamén polo que se vive día a día nas aulas. Ser titor dun grupo de alumnos fai que te impliques emocionalmente con eles, teñan a idade que teñan e iso pasou de novo este curso igual que hai catro anos cando deixei Ordes. 

Hoxe remataron o curso miles de nenos e nenas de toda España, mais non cabe dúbida que eu estiven pendente principalmente de 30: os meus dous fillos, loxicamente, e os 28 rapaces da miña titoría de 4º A do CEIP "Juan Fernández Latorre" da Coruña. Sabía xa dende hai días que hoxe sería un día especial e para recordar e que tería que aguantar moito as emocións porque o vínculo creado con eles ao longo do curso foi moi grande.

Dende os primeiros días aló por setembro, despois do retorno inesperado de Holanda e nas condicións persoais tan dramáticas coas que regresei, sabía que ese grupo sería para min a miña mellor terapia. Sempre para un mestre o máis importante no seu labor é empatizar co seu grupo e coido que para iso só fixo falla un par de semanas. En poucos días o noso grupo xa tiña a súa personalidade, as engranaxes funcionaron perfectamente e iso que os entendidos chaman "feeling" e que nós podemos definir cunha palabra moi galega como AGARIMO, foi unha das bases do bó facer que tivemos todos, eles e máis eu.

Pero por suposto, igual que en Ordes, noto dende hai anos que unha relación mestre-alumnos non funciona se non hai unha base que vén da casa, unha primera educación que se dá na familia e que ten o seu piar fundamentalmente no respecto e na confianza que os pais e as nais depositan nos docentes. Aquí tamén existiu e se estiven feliz coa miña "tribu" tamén me sentín moi respectado no meu traballo polas súas familias. Xente da miña xeración, cos mesmos intereses ca min como pai, nalgún caso xa amigos de hai tempo (Gloria, Juan...) e outros feitos agora (Olga, Pablo...), residentes no barrio. ¿Pódese estar mellor? Coido que non.

E o último día chegou. Os nenos xa levaban uns días nervosos e hoxe as emocións, esas que tanto hai que traballar na escola, manifestáronse con bágoas de moitos deles, con bicos, con apertas, con escritos, con agasallos. Perdoade por citalos, pero oír entre bágoas decir a Marco ou Icía, "Alfonso, non quero que te vaias", non pode ser máis gratificante para min como docente, pero tamén as apertas sentidas de Héctor, as meixelas coloradas pola emoción de Noelia ou o escrito de Omar nunha folla improvisada de firmas de todos eles poñendo "¡¡Gracias por hacerme reir cuando lo necesitaba!!".

Todos temos momentos duros en 10 meses de curso, eles dende a súa perspectiva de nenos coa que hai que conectar. Algúns sufriron a perda dun ser querido, outros unha nova situación familiar, pero tamén a chegada dun irmán ou irmá, a superación dos seus pequenos obxectivos infantís ou simplemente avanzar nas Matemáticas pouco a pouco ou na expresión escrita. Pasámolo moi ben coas curiosidades viaxeiras do "profe", coñecendo pintores, recitando a Rosalía, falando holandés, nas actividades complementarias, nas saídas do centro, nos aniversarios comendo bombóns ou galletas, e vestidos de romanos!! En fin, desfrutamos aprendendo e estou seguro que tanto eles coma min, o curso 2013-14 recordarémolo porque aprendimos non só coñecementos, senón tamén outras cousas máis difíciles de valorar e que son o fundamento da nosa EDUCACIÓN e do noso xeito de vivir. Pedagoxía si, pero con moito, moito cariño.

Por sorte, vivimos todos no barrio, saberei da súa evolución, vereinos medrar e seguir co seu proceso de desenvolvemento vital. Nin que decir ten que todos e todas terán algo polo que ser recoñecidos cando sexan adultos e ¿quen sabe?, a vida dá tantas voltas que se cadra volveremos a convivir noutras circunstancias. Sorte, moita sorte a todos, sei que seguiremos en contacto e que, por todo, son eu o que teño que dar as GRAZAS por coñecervos e facerme tan feliz. ¡¡BÓ VERÁN!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario