miércoles, 17 de octubre de 2012

XA VOTEI

Hoxe toca en galego. O vindeiro domingo día 21 son eleccións en Galicia. Para os galegos no exterior temos a oportunidade de votar nos consulados dos países nos que vivimos, a mín veume moi ben porque alí temos a oficina da Agrupación e hoxe fun o segundo votante. Habilítase unha urna na que se deposita o voto selado no consulado e mándase á Xunta Electoral Provincial, apra logo sumarse ao resto dos votos emitidos o domingo.

Pero a verdade é que o que interesa son as eleccións. Galicia tradicionalmente vota a partidos de dereita e nesta volta hai enquisas que falan dun cambio e outras que aumenta a maioría absoluta do PP. Sendo un pouco obxectivo creo que aínda hai moito campo aberto. Para aqueles que descoñezan como é a nosa paisaxe política, en Galicia hai tres grandes tendencias: a esquerda, a dereita e os nacionalistas (que non independentistas). Nestas eleccións do 2012 a dereita está practicamente representada polo PP, a esquerda polo PSG-PSOE e unha escisión do nacionalismo denominada ANOVA, con xente tamén de Esquerda Unida, e os nacionalistas polo BNG. Curiosamente ao votar dende o exterior recibes todas as candidaturas que se presentan pola túa provincia, entre elas curiosidades como PACMA (Partido Animalista contra o Maltrato Animal), PT (Partido da Terra) e Escaños en Branco; ou ben outras siglas que provocan arrepío (Falanxe) ou anacronismos (Unificación Comunista de España). 

¿Qué pasará? Eu agardo que haxa polo menos máis representatividade da que hai hoxe no Parlamento de Galicia. 75 escanos que deberían pertencer a uns 5 partidos: está claro que PP, PSG-PSOE e BNG terán representación, pero ANOVA e UPyD poderían chegar a obter representatividade. O cal me agradaría porque implicará, se non hai maioría absoluta dun deles, que haberá que pactar. A paisaxe política debería dar unha volta que manifeste o descontento da xente, a ver se é verdade que podemos deixar de dicir "temos o que nos merecemos". Non soportaría na noite do domingo ver aos políticos gobernantes neste momento se gañan as eleccións dicir que as súas políticas de recortes sociais, educativos, económicos e de todo tipo son avaladas polos resultados das urnas.

En canto ás canles televisivas nacionais agardo que non se centren exclusivamente nas eleccións vascas e nos presten un pouquiño de atención. Como eu estarei en Galicia o domingo (se Iberia me deixa, como digo sempre), verei as reaccións de inmediato, e por suposto agardo un cambio, logo virán as eleccións en Cataluña e pouco a pouco ver se o noso país vai sendo máis consciente de que os cambios prodúcense votando, esas son as verdadeiras labazadas aos políticos. Así que xa sabedes, eu xa votei, agora o resto A VOTAR!!



1 comentario:

  1. Só unha cuestión. A esquerda está represntada polo PSdeG-PSOE? Pois non che estou nada dacordo. Aínda que supoño que xa o saberás.
    O domingo veremos que pasa, eu tamén agardo cambios, aínda que a opción de UPyD...
    Bicos.
    Paz

    ResponderEliminar