miércoles, 18 de octubre de 2017

QUEIMAN GALICIA

O pasado domingo escribín dúas entradas ao blog. Pouco podía imaxinar o que acontecería menos de 6 horas despois. De novo, a traxedia asolounos e, de novo, todo era previsible e non se fixo nada. O lume queimounos a todos os galegos, pendentes durante moitas horas durante o solpor e a madrugada do que acontecía no sur de Galicia, nos concellos limítrofes cos nosos viciños naturais de Portugal e máis en concreto na área metropolitana de Vigo.

Pasei horas nas redes sociais, pendentes de La Sexta, a única canle estatal que suspendeu a programación e adicou todo ese tempo ao directo que estaba acontecendo. As imaxes que recibiamos no móbil ou viamos no televisor facíanos de novo botar bágoas de impotencia e unha estrana sensación recorría a nosa alma, o noso sentir.

Ninguén, ninguén que non coñeza como sentimos os galegos e o que significa para nós o noso monte pode entender o que estabamos a pasar cada un de nós no noso cerne; de novo víamos arder o que é de todos e ademáis, chegando ás mesmas portas da cidade máis grande de Galicia. Non serviron de nada as advertencias meteorolóxicas de temperaturas altas para esta época do ano e dos ventos que chegaban como restos dun furacán tropical. O lume, de novo, queimouno todo.



O peor, catro personas mortas, dúas dentro da furgoneta que vedes na foto de enriba. Hoxe lin nun xornal on-line que nesa mesma parroquia un grupo de policías quedou cercado polo lume máis de dúas horas e que algún deles chegara a desenfudar a súa pistola para non ter que sufrir na súa morte; ao final tiveron a sorte de seren rescatados. Non podemos imaxinar vendo esa paisaxe negra, esa negra sombra, o que se pode sentir cando te ves aí, rodeado de lapas e sabendo que vas morrer.

Chegábannos vídeos de moitas vilas galegas: do Xurés, dos Ancares, das Neves, de Baiona, de Carballeda de Avia, de Piñor, de Nigrán, do mesmo centro de Vigo. Todos arrepiantes e que deixaban en ti unha sensación de impotencia, rabia, dor, inquedanza, temor... que non sabías xestionar. Velaquí un exemplo que a min me deixou en estado de shock:




Dende a Administración as mensaxes eran de esperar pola choiva porque os medios que tiñamos non daban a basto. Tamén que todo fora organizado e deseguido aparecía o discurso de "terrorismo incendiario". Permitídeme que ría. Xente tola haina sempre, pirómanos que disfrutan vendo o lume tamén, pero como dixen nas redes, hai tamén moitos pirómanos de despacho. As críticas ao goberno da Xunta de Galicia xa empezaron e continuarán porque hai unha clara responsabilidade política detrás de todo isto. 

Hai 15 anos sufrimos por enésima vez o afundimento dun petroleiro, o infausto Prestige, que encheu de chapapote as nosas costas. Xente de todo o mundo veu á nosa terra a limpar as praias, ás veces coas propias mans porque non había con que coller a merda que traía o mar aos portos e costas galegos. Hoxe, 15 anos despois, estamos igual. A sensación de abandono por parte das autoridades é absoluta. Non temos nin un mínimo protocolo para unha emerxencia como a do domingo. O único protocolo é a voluntariedade da xente e a súa afouteza para defender o que é NOSO: as nosas casas, o noso monte, o noso patrimonio, en definitiva, a nosa identidade. Vigo e os seus viciños foron un exemplo a seguir, igual que foron os viciños de Angrois hai 4 anos cando un tren se levou a vida de 81 persoas e  foron os primeiros en socorrelos; igual que hai 15 anos cando os nosos mariñeiros saían nas súas chalanas a recoller como podían a merda negra que soltaba o Prestige mentres un que agora seica é Presidente do Goberno de España saía pola televisión falando dus "hilillos de plastilina". 

Claro que isto se podía prever. Claro que facendo unha política forestal axeitada, incidindo na prevención e na limpeza dos montes, isto non ocurriría. Pero tamén é de todos sabido que o lume, en Galicia, é un auténtico negocio, o "NEGOCIO DO LUME" no que están implicadas moitas persoas e intereses. Sempre houbo incendios nos montes, sempre houbo pirómanos e non hai vontade política para atallar isto, senón pola contra moitos cartos. Cando na nosa terra a maioría dos terreos forestais están plantados con especies non autóctonas como os eucaliptos, ¿por qué será? Pois porque esas árbores queimadas compraránse agora por menos cartos e algunha fábrica se beneficiará, aparte dos propietarios dos terreos e seguramente moita máis xente. Senón, ¿como vai haber xente que non sexa consciente do dano que están a causar prendéndolle lume a un monte e destruindo a nosa terra? É imposible que haxa xente que disfrute con isto a non ser que lle reporte un beneficio económico, o cal non deixa de ser un delito polo que ten que ser castigado.

Algún día saberáse todo e coñeceremos todo o que está detrás disto e levantaremos as mans á cabeza (ou máis ben ocultaremos a cara con elas da vergoña que será). Nembargantes a min o que máis me entristece do que está a pasar estes días é sentir que estamos igual que hai 15 anos, dependendo de nós mesmos e que coas autoridades non podemos contar para nada porque, sinxelamente, nin saben nin queren. A foto que representa isto é a que segue: arriba, 2002; abaixo 2017.




E de novo, o berro que nos unirá en canta concentración haxa, será de novo o mesmo: NUNCA MÁIS!! Porque un pobo non se rende a pesares das labazadas que recibe dos seus representantes que, por certo, agardo que aqueles que os votaron teñan memoria para as próximas eleccións para que teñamos a esperanza de que traxedias coma estas non volvan suceder. Que así sexa.




No hay comentarios:

Publicar un comentario