viernes, 24 de junio de 2016

POLO SAN XOÁN, A SARDIÑA MOLLA O PAN

Este ano faltaron as sardiñas, pero houbo chourizos, empanada, larpeira... O San Xoán na Coruña significa algo máis que o inicio do verán. É unha das datas que máis agardo todo o ano porque hai uns rituais que están tan asimilados na miña esencia persoal que non perdono. Incluso cando vivía en Holanda procuraba facer algún, como poñer fiúncho nas fiestras para que non entrasen as meigas. 

É o gran día de festa na Coruña. Miles de persoas se xuntan en barrios, rúas e sobre todo nas tres praias da baía (Orzán, Riazor e "Matadero") a celebralo. Dende as primeiras horas do día algúns xa "parcelan" a area e comezan a traer madeira, cadeiras, toldos, e a construir as súas fogueiras. A cidade bule por todos os rincóns, as grellas para asar póñense nas rúas diante dos bares para a noite, reservando espacios, a sardiña multiplica o prezo habitual. Os rapaces únense para carretar madeira e trastos vellos que prenderán á medianoite no lume purificador.

O lume. Ese é o gran elemento deste día, o día do solsticio, o que dá inicio ao verán e o que leva as meigas e os malos presaxios. Por iso cando se prenden as fogueiras logo hai que saltalas. Recóllense 7 herbas para deixar a remollo pola noite e lavarse a cara e o corpo con esa auga ao mencer. Rituais que levan ao máis antergo das nosas tradicións e que foi pasando de xeración en xeración.

Onte alá fomos. Xa pola mañá as novas tecnoloxías convocáronos a vernos a partires das 8 da tarde nun punto para baixar a madeira e a comida á praia. Cada un leva o que pode. Este ano atrevinme cos chourizos para asar á grella. Aló polos nove comezamos a montar a nosa fogueira e a preparar as brasas para asar.



Ao redor outros grupos de familias, xente nova, música, festa e moito sentimento de estar a vivir algo que nos une e iso a mín éncheme moito. A madeira é de todos, a comida tamén, axudámosnos uns e outros para que todo saia ben e non haxa incidentes. Cando cae a noitiña a comida empeza a prepararse na grella, os nenos xogan na area e están pendentes do lume. Aproveitan tamén varias firmas comerciais para ofrecer produtos novos ou regalando os faroliños que voarán polos ceos e aos que lles podes escribir desexos, confesables ou non.

E chegan as 12 horas e o lume préndese. E ese momento é máxico. Literalmente A Coruña ARDE. Nas rúas, na praia, nas campías dos barrios. E ese cheiro a fume que polo xeral che molesta, hoxe ata che gusta. Fogos de artificio sobre o mar, os faroliños que sucan o ceo e a música, a nosa música


E a xente está durante unhas horas FELIZ, lonxe dos seus problemas e das súas preocupacións, báilase, sáltanse as fogueiras, falas cuns e outros nun momento de comuñón que só podemos entender aquí. É o noso ser galego o que sae de dentro e polo que conectamos. Aqueles que chegan de fóra observan, participan e preguntan sobre o porqué do que se fai e probablemente non o entendan, igual que nós non poderemos entender por qué tiran un queixo a rolar pola aba dunha montaña. no Reino Unido... aínda qua a partires de hoxe menos "unido" que nunca. Pero iso dará para outro conto.






1 comentario:

  1. No no: si luego se habla de la mala vida de los profesores y demás (ya veo cómo te machacas, jodío :-)).

    Me alegra un montón: te lo mereces :)

    Un abrazo,

    Paquito.

    ResponderEliminar