lunes, 29 de agosto de 2011

SEMPRE NOS QUEDARÁ PORTUGAL

Ben, acábase o verán e para non ser contraditorio con Galicia, acaba con bó tempo. Mañá volto a Amsterdam, pero este último fin de semana fixemos unha escapadiña ás terras viciñas de Portugal. Porto e Guimaraes foron os destinos elixidos e a verdade é que cada ano que pasa, Portugal sorprende.

Xa estiveramos en Porto varias veces, mais nunca dous días seguidos. As novidades que atopamos fixéronnos ver que é unha grande cidade de referencia no noroeste ibérico. Poderiase dicir que o elemento que lle imprime máis modernidade é o recente "metro", que usamos constantemente dende o hotel ao centro da cidade: cómodo, adaptado, práctico, un pouco engorroso coas tarifas, pero impresionante. Supoño que co paso dos anos ampliará as súas liñas, que chegan como metro lixeiro até Póvoa de Varzim. ¡¡A ver se aprenden os nosos gobernantes e imitan os modelos de desenvolvemento!! En Galicia necesitamos unha boa rede de cercanías nas áreas de A Coruña-Ferrol, Pontevedra-Vigo e se cadra Santiago, xa que a conexión da capital galega co aeroporto é fundamental. E por suposto, INTERMODALIDADE entre as redes de tren, autobús, posibles metros, etc.

Outra das cousas que máis nos gusta dos nosos viciños son precisamente eles, a súa cercanía, a súa calidez. Son xente amable, respectuosa, que sempre están dispostos a botarche unha man e a entablar conversa. Tanto no hotel, como nas rúas, nos restaurantes, nas atraccións, sempre estiveron cun sorriso e atentos a todos os clientes e visitantes. Sen dúbida o turismo gáñase así e non cobrando o triplo por unha ración de pementos de Padrón (que tomen nota os nosos hosteleiros). Aínda así, para mellorar, o seu xeito de conducir, que vos contarei que non saibades.

As visitas foron máis produtivas que outras veces: a famosa libraría "Lello e irmao", as pontes sobre o Douro, o café "Majestic", as adegas de Gaia e o seu teleférico, o acuario "Sea Life" para os nenos, a ribeira... A rehabilitación do seu caso antigo, Patrimonio da Humanidade, segue o seu ritmo, pero aínda quedan cousas importantes por facer no mesmo centro da cidade, no que podes atopar o máis actual co máis marxinal (drogas, suciedade...). Aínda así, mereceu a pena e será unha cidade para repetir.

Despois de dous días paramos unha noite en Padrón, coa nosa "familia adoptiva", alí sentímonos como na nosa casa ou ás veces mellor. E tocaron despedidas e plans de futuro. Con setembro parece que unha nova etapa comeza, é como un segundo "aninovo" xa que a vida volve á rutina de sempre. traballos, escola, novidades en definitiva.

A próxima escribireivos empezando o curso 2011-12, cumprindo xa vinte anos de traballo e collendo azos para o 21, haberá que ir facendo contas de cara á xubilación!!!!

Apertas a todos e espérovos en Amsterdam

No hay comentarios:

Publicar un comentario