martes, 22 de junio de 2010

DESPEDIDA EN ORDES... E MOITAS BÁGOAS

Hoxe foi un día moi especial para min e coido que tamén para os nenos e nenas da miña titoría de 6º no colexio "Campomaior" de Ordes. Despois de tres anos xuntos chegaba o día da despedida. Eu xa sabía que me ía costar, que as bágoas aflorarían, pero e que a sorpresa que tiven por parte deles e das súas familias non a esperaba nin de lonxe.

Aínda que non o pareza, eu son unha persoa moi afectiva. Parezo máis forte do que son realmente, pero en xeral a miña vida moveuna sempre máis o corazón que a cabeza. Tal vez por iso tamén xurdiu o de marchar para o exterior. E sei que alá non esquecerei o de hoxe. O agasallo dos meus alumnos foi supremo. Tres anos son moito tempo para cargarnos de complicidade, afectividade, cariño e iso será o que quede. Dende a miña profesión hai que esixir, berrar, enfadarse, nalgunhas ocasións rifar... pero o cariño que lle tiña a este grupo de 6º B nunca o tiven con ningunha outra aula nos 19 anos que levo traballando.
Eramos realmente un bo equipo, como me dixeron eles no seu video de despedida (xa volvín chorar na casa véndoo unha e outra vez) "o rei e os seus vasalos". O labor con eles nestes tres cursos foi dos máis agradecidos profesionalmente, pero é de xustiza afirmar que a materia prima era moi boa. Non quero esquecerme de ninguén: Lucía, Daniel Gómez, Freire, Miriam, Miguel, Pedro, Ainoa, Sergio Raña, Paula, Vanessa, Manuel, Iria, Alberto, Nerea, Sergio Veiga, Alba, David e o noso añorado Jean Carlos en 4º e 5º, tiñan xa o que todo mestre desexa cando eu cheguei a eles e eles a min: unha capacidade para aprender, para superar os obstáculos e para valorarse positivamente a si mesmos. Con todo isto e co que eu puxen creo que fixemos un bó cóctel, algunhas veces explosivo!!! pero sempre, sempre moi gratificante. E tamén ás súas familias, que sempre estiveron apoiando o proceso, advertindo de erros que tamén os tiven, pero nunca censurando. Para eles tamén noraboa porque os seus fillos e fillas chegarán a ser bos cidadáns nesta sociedade tan complicada que nos tocou vivir.

Grazas, grazas e novamente GRAZAS por todo, pódovos asegurar que a Holanda irá unha parte de vós porque teño claro, como dicía Alba na preciosa redacción: "Alfonso ensinounos a valorarnos a nós mesmos, a loitar polo que queremos e a resolver os problemas entre nós", que a min tamén me ensinastes moito e tereivos como exemplo de solidaridade, compañeirismo, amizade, iniciativa para aprender... en fin, moitas cousas positivas.

Eu agardo que este blog sirva para seguir en contacto con vós, non tedes por que dicirme as notas que sacades no instituto, pero si me gustaría dentro duns anos saber como ides conformando a vosa vida, o voso futuro, as vosa inquedanzas, resolvendo os vosos problemas. Agardo que a partires de agora me vexades máis como amigo que como "profe" e que esas "ondas atlánticas" que dan nome ao blog traian sempre boas vibracións, de Galicia aos Países Baixos e viceversa.

Rapaces e rapazas... ¡¡¡MOITA SORTE!!! E recordade sempre que o esforzo vai acompañado de recompensa, non se trata de aprobar ou suspender, trátase de APRENDER e iso ninguén volo vai quitar nunca. Tereivos sempre presente na miña cabeciña e tamén no corazón.

3 comentarios:

  1. ola son miguel, moitas grazas por esta redaccion tamen te votaremos de menos
    un bico e unha preta moi grande

    ResponderEliminar
  2. Ola Miguel, eu tamén vos "botarei (con b)" de menos, asegúrovolo. Son tres anos e moitas anécdotas, e iso que nos quedou montar no "Superman" da Warner, eh? Xa nos iremos contando cousas por aquí e a ver se atopo ao teu primo en Amsterdam!!! Unha aperta moi forte

    ResponderEliminar
  3. Case que choro eu tamén, rapas.
    Bicos Paz

    ResponderEliminar